Saturday 18 de May de 2024

Inés Rey aborda os retos da mobilidade sostible coas Asociacións Veciñais da Coruña


A alcaldesa interveu na apertura da xornada “O futuro da mobilidade”, organizada pola Federación de Asociacións Veciñais

A alcaldesa, Inés Rey, achegouse esta tarde ao Centro Sociocultural Ágora para abordar os retos da mobilidade sostible coas Asociacións Veciñais da Coruña. A xornada “O futuro da mobilidade”, organizada pola Federación de Asociacións Veciñais, contou cun relatorio da concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa.

A rexedora situou a mobilidade como eixe fundamental do seu Goberno, avanzando cara unha mellor conectividade dos barrios. Puxo como exemplo a renovación do servizo público de BiciCoruña, con 55 estacións proxectadas que se ampliarán a 90 neste novo mandato. “Cada vez son máis as persoas que usan BiciCoruña, pero non podemos esquecer que non é a única forma de mobilidade nin a máis universal, de aí que apostásemos tamén polo autobús cos descontos no prezo do billete sendo hoxe o máis barato da súa historia” sinalou a alcaldesa. Lembrou que para ambas as cuestións, o Concello da Coruña contou co financiamento do Goberno de España mais non co da Xunta de Galicia. “Non contamos nin co financiamento autonómico nin tampouco coa resposta á solicitude que lle achegamos para a colaboración nos descontos do prezo do autobús, o que demostra que nin lles ocupa nin lles preocupa” sentenciou.

Rey agradeceu o convite a participar na xornada e trasladoulle os parabéns á Federación pola organización da xornada. “Quero agradecer á Federación que sempre nos conviden a formar parte do seu proceso de escoita e debate, porque nos permiten gañar o contacto directo cos nosos veciños e veciñas, algo esencial para este Goberno” explicou. A alcaldesa lembrou que a súa primeira reunión oficial neste novo mandato foi con Luísa Varela, presidenta da entidade, asentando como principal obxectivo a mellora da calidade nos barrios e o contacto directo coa veciñanza.